O Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego presentaron un proxecto interactivo que se concreta nun espazo web e unha aplicación para dispositivos móbiles que contén a información de medio centenar de xogos populares pero que permite máis dun centenar de combinatorias. O proxecto nace coa intención de “revitalizar o seu uso para que volvan formar parte do día a día da nosa sociedade” apuntou a presidenta Rosario Álvarez. Unha idea na que tamén incidiu Paco Veiga, do Observatorio do Patrimonio Lúdico que concretou que “a idea é que nun minuto se poida poñer en práctica o xogo”.
O proxecto non é un catálogo, senón que está pensado para que os xogos poidan ser recuperados e usados. Concibido como un apoio para nais, pais e docentes que queren incorporar os ancestrais xogos da nosa cultura ao acervo familiar, para que poidan consultala con facilidade en interior e en exterior, no rural e no urbano. Pero tamén para calquera persoa, de calquera idade, que queira xogar. Outra das características do proxecto é que os xogos non están descritos, senón que se ofrece unhas mínimas indicacións para entender a esencia do xogo e unha serie de ilustracións que serven para explicar o xogo e que axudan máis que as propias fotografías.
Realizaráse unha actualización anual dos contidos. Os diferentes xogos están clasificadas por “idades” (as diferentes idades da vida), por “obxectivos” (grandes categorías de xogos) e por “tipos de xogos” máis miúdos. Entre as propostas que se poden atopar nesta primeira fase do proxecto están clásicos como a pita cega, a cadeira da raíña o puño puñete e outros que necesitan dalgún instrumento. Por exemplo, na billarda ou estornela aparece descrita propoñendo darlle a un pau aguzado (a billarda) cun pau de medio metro (o alán), é dicir, o proxecto vai a amosar a esencia do xogo. A descrición suxire conseguir a habelencia necesaria para despois practicar o xogo con regras. A explicación das regras aparece en ligazóns externas. O proxecto tamén incorpora nalgúns casos vídeos, coma no xogo da zoadeira ou fungona, que explica como facela.
A aplicación de Xogos Tradicionais s pode descargarse de balde desde a App Store e desde a Play Store de Android, así como desde o sitio web xogostradicionais.consellodacultura.gal.
Comentarios recentes