O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron hoxe a dixitalización da revista Nós, que supoñen un paso adiante na difusión nacional e internacional da publicación ao converter en formato libro electrónico a totalidade dos exemplares e ao poñer en marcha unha nova web que recolle todo o universo Nós, coincidindo co centenario do primeiro número da revista.
O secretario xeral de Cultura salientou a relevancia desta iniciativa que supón que Galicia “recupere o legado da Xeración Nós en clave do século XXI” xa que, como engadiu, “un século despois do seu nacemento, a revista Nós recupera os seus materias en formato electrónico para un mellor acceso, acorde coas novas canles de acceso da información”.
Como explicou Anxo M. Lorenzo, a novidade do proxecto presentado hoxe vén dada pola conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que xa están preparados e son accesibles desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle. Trátase dunha extensión de ficheiro electrónico que permite unha compatibilidade coa meirande parte de dispositivos electrónicos, incluíndo redes móbiles.
Pola súa banda Mar Pereira sinalou que o obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición do público en xeral uns contidos de alto valor cultural, aplicando técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, que permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ao seus autores modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época.
A directora da Amtega explicou que dixitalización destes contidos é un paso máis na construción da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa a longo prazo e que se está desenvolverse en colaboración con toda a sociedade galega e de todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego para garantir a conservación do patrimonio cultural de Galicia e facilitar o seu acceso universal a través da internet.
Descarga multicanle
Ademais da conversión en libro electrónico, tamén se presentou a posta en marcha da nova páxina web revistanos.gal, que recolle todo o universo de Nós permitindo explorar directamente no corpo dos textos da revista, por medio das relacións que se establecen entre os colaboradores na historia da publicación. Deste xeito, a través dun grafo do coñecemento, inclúense os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus quince anos de vida. Este grafo facilitará a busca de documentos específicos para usuarios non expertos.
Xunto a todo isto, a Biblioteca de Galicia, a través de Galiciana – Biblioteca Dixital de Galicia (BDG), tamén permite a consulta de todos os números que se publicaron da Revista Nós, incluído o último, do que só existen dous exemplares físicos, un deles depositado na Biblioteca da Deputación de Ourense e outro en mans dun particular. De feito, a biblioteca dixital dá acceso ás algo máis de 3.900 páxinas da revista o que reforza a conservación e divulgación deste patrimonio editorial representado por intelectuais da nosa historia recente como Vicente Risco, Castelao ou Otero Pedrayo.
Compromiso co legado da Xeración Nós
Con estes novos materiais dixitais, a Xunta de Galicia continúa o seu compromiso por poñer en valor o papel do grupo de intelectuais da Xeración Nós na construción do legado cultural da Comunidade galega no ano no que se cumpren cen anos do primeiro número da publicación que lles deu nome.
O Goberno galego está a conmemorar esta efeméride cun amplo abano de actividades entre as que destaca a exposición Galicia, de Nós a nós, que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas procedentes de obras de Galicia, España, Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós cos seus impulsores poñendo de manifesto a contribución dos valores e principios destes intelectuais na actual cultura galega.
Memoria Dixital de Galicia
A Xunta puxo en marcha a iniciativa Memoria Dixital de Galicia para consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e facilitar os seu acceso universal na rede a través do portal Galiciana. Para a construción da Memoria Dixital apostouse polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade. Entre as medias desenvoltas ata agora estás dúas liñas de axuda á dixitalización que suman en torno a 1,4 millóns de euros destinados a máis de 50 proxectos de dixitalización de fondos documentais de entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.
Pulsa aqui para Ver a versión electrónica dos 144 números da ‘Revista Nós’
Comentarios recentes